Din en San Lourenzo de Barxacova, que polo camiño de Forcas baixaban aos mortos ata San Vítor. Viñan a ombros, ata as tumbas, envoltos nun sudario, sobre un escano de madeira. Podemos imaxinar a comitiva. A cuestión é que cando contaron isto pareceunos, cando menos, curioso, xa que Forcas é outra parroquia. Deunos por ir ver que camiño farían cos defuntos.
Chegados a Forcas, nos explicaron que os que se ían enterrar a San Vítor non eran os de alí, senón os da casa de Vil, que é como nomean na zona a Ivil, na parroquia de Pradomao. Máis curioso é o caso, pois xa non é que se foran a enterrar os de outra parroquia, senón os dunha terceira.
Para chegar a Ivil hai que pasar pola ponte de Canceliñas, de clara fábrica románica e cruzar a parroquia de Forcas. O caso é que cando a comitiva pasaba co morto por alí, tiñan que pagar. Alí contan, igual que en San Lourenzo, que un bo día unha comitiva non quixo pagar, e que os de Forcas non os deixaron pasar. E dende entón xa nunca máis se enterraron en San Vítor, comezando a facelo no cemiterio parroquial de Pradomao. Como lembranza da comitiva, inda hai en Forcas quen recorda aquel escano dos mortos pendurado sobre a porta lateral da igrexa, desaparecido canda última reforma desta.
Oscar González (Caio) de Forcas, falou dunha “batalla entre parroquias” no chamado “Regueiro das Porfías”, próximo á ponte das Canceliñas, por onde tiñan que pasar, pola forza, os de Vil en dirección a San Vítor. Quen sabe se esas “porfías” acabaron co paso dos de Vil por Forcas.
Ivil un núcleo de tan só tres casas; entre elas destaca unha, cuxas características arquitectónicas lévannos ao redor do século XV. Recorda o propietario actual como o seu bisavó era o propietario de tódalas terras do lugar, logo partidas entre os herdeiros. Casa importante, xaquelogo. Recórdase, efectivamente, que antigamente se ían enterrar a San Vítor, ata que deixaron de facelo e pasaron a enterrárense no cemiterio parroquial de Pradomao.
Faláranos xa tamén, o señor Felipe de Espartidas (Barxacova), dunha tal “Encomenda de Vil”. Asegura non saber que significa tal cousa, pero que de algo así falaban. Curioso é o recordo de tal figura, da que hai proba documental da súa existencia. O rastrexo da documentación conservada fálanos dun preito de 1563 entre o mosterio de Montederramo e a Encomenda de Quiroga polo control, precisamente, de Vil, daquelas caracterizado como “granxa” (García Tato, I: Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén, CD 42, p. 578). A sentenza debeu ser favorable á Encomenda, xa que nos séculos XVII e XVIII aparece de novo aforando Vil. A Encomenda, tal vez ante a presión de Montederramo por unifica-lo territorio do Mao baixo o seu control, seguramente puido ter demostrados dereitos sobre Vil dende a Idade Media, quen sabe se a través da propia necrópole de San Vítor, que aparecería deste xeito como marcadora e proba da propiedade antiga do territorio.
Na Casa de Vil atopamos vestixios de construción máis antigas, a través dun perpiaño almofadado que se pon en relación con outros vestixios romanos polo canón do Mao e no propio San Vítor. Pero esa é outra historia.




Coñecedes a Nova Cronoloxía que xorde dos estudios de Anatoly Fomenko?
Probablemente a historia sexa moito máis corta do que a cronoloxía publicitada polo vaticano (Joseph Scaligero, en 1596).
De aí que os veciños aínda recorden como lendas cousas de -supostamente- fai 800 anos.
De aí que sempre se atopen xuntos castros, con romanización, con periodo medieval e que o único sólido da historia sexa o de finais do XVIII en adiante.
Un saudo e gracias polo interesante blog
Parabéns polo voso traballo e por facernos partícipes a través deste blog. Apertas grandes.
Pingback: ANEDOTARIO: SAN VITOR EN FESTAS « San Vítor de Barxacova·