Documentación

ACO, Fondos Monacais, Sta. Mª de Montederramo, carpeta 17, documento 5386

Unha das circunstancias valoradas para o proxecto de San Vítor de Barxacova era a necesidade de establecer unha multidisciplinaridade dentro do estudo histórico, de tal maneira que a información achegada polo rexistro arqueolóxico (arredor do cal había de xirar o estudo) se vise complementada, ampliada ou matizada pola recibida mediante outros medios; entre eles, a recollida da tradición oral, e tamén un traballo de arquivo consistente na busca e lectura da documentación escrita, publicada ou aínda inédita, existente para o ámbito de estudo.

Desta maneira, o traballo foi iniciado coa revisión das fontes previamente publicadas. Dada a inexistencia dun estudo de carácter histórico sobre o mosteiro de Montederramo e a súa colección diplomática, as obras consideradas para unha primeira fase foron, fundamentalmente, dúas, a saber:

(2004): GARCÍA TATO, Isidro: Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén: estudio y edición documental; e

(2011): RODRÍGUEZ MUÑIZ, Víctor: O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil na Idade Media. Anexo 32 ao Boletín Auriense.

Como paso seguinte, considerouse necesario acceder á colección documental do mosteiro de Montederramo que, en función dos datos que se estaban a recibir polas distintas vías, se consideraba fundamental para unha mellor comprensión do conxunto. Desta maneira, decidiuse que, de maneira inicial, a pesquisa se centrase no ámbito da documentación medieval, por ser este o periodo para o cal os materiais achados na escavación viñan a dar testemuño da vixencia no tempo do conxunto relixioso do San Vítor. Así, nos meses de abril e maio de 2011 realizouse, a cargo de Víctor Rodríguez Muñiz, o traballo de lectura e baleirado da colección documental depositada no Arquivo da Catedral de Ourense, que alberga a práctica totalidade dos textos medievais conservados para o mosteiro de Montederramo, nas súas distintas fases.

Esta colección documental, xunto coas referencias históricas recollidas nas obras publicadas e antes mencionadas, contribúen a coñecer a interesante compartimentación e articulación do espazo que nos ocupa, e no que se establece, ao longo da Plena e Baixa Idade Media, un xogo de poder entre as tres institucións sinaladas: os mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil (bieito) e de Santa María de Montederramo (cisterciense, pero con orixe nun cenobio igualmente beneditino) e a Orde de San Xoán de Xerusalén, a través da Encomenda de Quiroga e, dentro desta, a bailía de Cristosende.

Malia á ausencia, polo de agora, de mencións expresas ao conxunto de capela e necrópole de San Vítor, o grao de coñecemento que está a achegar a análise da documentación xa consultada, así como puntuais referencias a acontecementos datados xa no mundo moderno pero que fan referencia a este mesmo espazo que nos ocupa (caso dun preito entre Montederramo e a Encomenda de Quiroga pola posesión da granxa de Ivil, que a tradición oral conservada insiste en vincular co San Vítor), fai que consideremos relevante continuar a afondar no traballo documental.

Para isto, optamos por unha tripla vía. En primeiro lugar, continuar a lectura da documentación pertencente ao mosteiro de Santa María de Montederramo. Se ben o traballo cos textos medievais do cenobio xa foi concluido, o estudo da documentación moderna poderá achegar unha interesante información sobre a continuidade ou ruptura dos procesos históricos antes descritos de articulación territorial.

Por outra banda, esta ampliación cronolóxica abre tamén o recurso a fontes documentais distintas ás anteriormente dispoñibles: é o caso do Catastro do Marqués de Ensenada, fonte de excepcional relevancia á hora de coñecer a articulación social e económica nos anos centrais do século XVIII, e que sen dúbida, coa súa pormenorizada recollida da microtoponimia (especialmente á hora de analizar os distintos terreos), permitirá ampliar o noso seguimento do San Vítor nun momento histórico no que, arqueoloxicamente, xa non está documentado no rexistro material.

Por último, consideramos relevante a posibilidade de ampliar este traballo de procura documental non só no tempo, senón tamén no espazo. Con isto pretendemos documentar algúns enclaves do entorno máis inmediato, para os que agora non contamos con ningunha fonte documental (caso da ladeira do San Salvador, non moi afastada do conxunto do San Vítor) e que, de ser localizada, permitiría comprender mellor a relación entre os distintos puntos que configuran o tecido habitacional, social e relixioso deste ámbito das ladeiras do Sil e do Mao.

Deja un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s