Segunda semana: algunha decepción e novas grandes sorpresas

A aparición de perpiaños ben escuadrado s fainos seguir pensando na presenza de construció ns próximas

Final da segunda semana de traballos, con algunha decepción pero tamén con boas novas e grandes expectativas.

A decepción veu provocada polos resultados negativos da sondaxe realizada no sector inferior S da Peneda, en concreto no segundo bancal. Sabiamos da orixe destes bancais, nos que se cultivaban patacas, alá nos anos 40 do século XX. Aínda así, por unha serie de regularizacións practicadas na peneda tiñamos a sospeita de que agochasen algún tipo de estrutura ou calquera outra cousa en relación á ocupación do sitio en época medieval, e que os muros de contención houberan sido construídos sobre restos previos. Tamén unha tégula incorporada como calzo nun destes muros, ademais dalgún fragmento cerámico e latericio en superficie, localizados na prospección do 2010, levounos a pensar na pre-existencia dalgún tipo de resto.

A sondaxe no sector inferior S da peneda da capela foi algo decepciona nte

Os resultados, en cambio, non foron os esperados, e baixo unha fina camada de terra vexetal, na que si atopamos algún resto cerámico en arrastre, asomaba xa a peneda natural, xunto con algún bloque ciclópeo claramente de fractura natural depositado sobre a mesma.

Nestes casos non nos queda aplicar aquel máxima de que “a falla de información é tamén información”, e descartar a extensión da necrópole e/ou asentamento por este sector inferior. Non queda máis que volver tapa-la sondaxe e volve-la parcela ao seu estado orixinal, dándolle as grazas a Arturo, o seu propietario, por nos deixar actuar nela.

Conxunto das tumbas localizada s no sector N inferior

Pero as novas no sector das tumbas superan con creces á falla de información desta sondaxe. Abordamos nesta semana tamén a ampliación dunha das sondaxes do 2010, na que tiñamos localizadas tres sepulturas, que non fora posible descubrir completamente, quedando agora incorporadas ao sector da necrópole visible e visitable. Entre aquelas sepulturas, todas rupestres, destacaron unha “en bañeira” con rebaixe semicircular para apoio da cabeza no fondo, e outra selada, coas laxes orixinais e, polo tanto, intacta. Nesta última recolleramos mostras de terra, que están sendo analizados no Instituto Química-Física Rocasolano (CSIC-Madrid), de cuxos resultados estamos impacientemente á espera.

Algunha as sepulturas aparece selada coas laxas orixinais e algunha aparenteme nte recolocada .

A ampliación deste sector, que chamamos inferior por se situar nunha zona rebaixada no gran afloramento granítico, cara o N, ábrenos novas perspectivas para a análise espacial e organización da necrópole. A zona rebaixada parece ser unha preparación previa do terreo para os enterramentos, moito máis coidada que o conxunto situado no lado do afloramento rochoso, inmediatamente ao S destoutra zona inferior. Polo tanto temos, dentro do mesmo conxunto, dúas zonas ben diferenciadas no que a organización interna se refire.

Temos localizado, neste sector inferior, en total, 7 sepulturas (contando as 3 do ano pasado), e parece indicarse unha oitava; xa veremos. Alíñanse en dúas bandas paralelas, perfectamente organizadas e distribuídas na peneda recortada rente ao chan. Entre as novidades máis destacadas temos a localización doutras dúas sepulturas seladas con laxes transversais, polo que tal vez poidamos recoller novas mostras de terras.

As laxas conservadas en ámbalas dúas sepulturas teñen feituras diferentes, sendo unhas máis regulares e ben encaixadas nos entalles laterais das sepulturas, dando a entender que son os orixinais, fronte a outros máis irregulares e pouco coidados. Esta diferenza podería indicar unha apertura das laxas orixinais, volvéndose a tapar logo con outras, implicando, polo tanto, unha reutilización da mesmas. Este feito non é algo van, xa que implicaría que son varias as xeracións que non só empregan a mesma necrópole, senón a mesma sepultura, falándonos de lazos familiares de vella raigame.

Entre estas laxas de “segunda xeración” destaca unha cun burato que a atravesa, tal vez unha peza de muíño, ou un couzón, reaproveitada (teremos que darlle a volta para sairmos de dúbidas).

O material desta semana ten sido máis ben escaso e de pouca entidade. Continúan a aparecer tellas, máis escachadas segundo descendemos en fondura, sempre escasa. Tamén a cerámica é pouco aclaratoria, con fragmentos moi escachados. Podemos destacar varios anacos de ferro e unha poutada fabricada cun coio, que nos indica unha actividade pesqueira.

Para a semana continuaremos escavando naquel sector inferior N da necrópole, do que inda agardamos obter algunha sorpresa máis. Tamén plantexaremos a apertura dunha nova sondaxe na ladeira de acceso ao xacemento, que xa foi limpada de maleza. Agardamos obter con ela novos datos acerca da extensión do xacemento.

As visitas teñen sido un éxito, recibindo a xente de diversa formación e variada procedencia. Deixádeme felicitarmos polo grande interese espertado entre a comunidade local, que nos enchen de orgullo cada vez que nos mostran a súa enorme curiosidade polo que estamos a facer. San Vítor é de todos, si, pero é máis voso ca noso.

Graciñas tamén a primeira quenda de voluntarios: Sonia, Pablo e Alejandro. Moitas grazas polo voso interese, colaboración desinteresada e amizade. Como dicimos entre bromas: “Ide, e difundide a palabra de San Vítor”.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s