O TRABALLO NON REMATA

O final dunha escavación arqueolóxica non é cando se deixa de escavar. Despois do último golpe de paletín comeza un traballo que non se ve: rexistro, informes, papeleo, estudo… un traballo longo e que parece non rematar xamais. É tempo de por en orde os datos da escavación, e de sentarse para contrastar opinións e dispor actuacións futuras.

Levantamento topográfico con base no alto da capela

Levantamento topográfico con base no alto da capela

En San Vítor non só non remata coa escavación, senón que inda continuamos en campo levando a cabo a prospección polo contorno e entrevistas cos veciños. Pero incluso en San Vítor so traballos non cesan, xa que se planeou unha limpeza da maleza que cubre os arredores do xacemento, procurando un acondicionamento do mesmo. Tamén se levou a cabo, en relación co rexistro final, un levantamento topográfico das novas zonas descubertas e de todo o xacemento.

Abordouse desta volta a limpeza de toda a ladeira de acceso dende San Lourenzo, entre os camiños de San Salvador e Forcas, facendo visible o xacemento dende este último, e abrindo un camiño que comunica directamente con el sen necesidade de ir dar volta aos Padrós, facilitando o tránsito dos camiñantes que veñen facendo a ruta do Mao.

Fendas tralo balcón da capela reenchida con grava

Fendas tralo balcón da capela reenchida con grava

Na liña de facilita-las visitas acondicionouse a complicada subida á capela. Reenchéronse algunhas fendas da subida con cachotes, terrón e terra, ampliándose tamén a plataforma S onde se enfiala cara o corredor de acceso á capela. Neste corredor colocáronse uns chanzos de pedra que, ademais de facer doada a subida ao alto, respecta e fai circular a xente pola entrada orixinal da capela. Xa no alto, as fendas escavadas no ano 2010, reenchéronse con grava, previamente cubertas con fibra xeotéxtil, facilitando a contemplación do espazo superior, desvirtuado en certa medida coas fendas abertas. O mesmo proceso de reenchido practicouse no balcón cara a explanada e na tumba N, protexendo, ao tempo, as laxas que a forman.

A sondaxe realizada no sector inferior da rocha foi tamén tapada, deixando a parcela igual que no-la deixou o seu propietario para os traballos.

Valado de seguridade ao redor do sector inferior da necrópole

Valado de seguridade ao redor do sector inferior da necrópole

O sector N-inferior da necrópole rodeouse, cun valo de madeira, invitando aos visitantes a circular ao redor das tumbas e non por riba delas. A estética do valo foi intencionadamente rústica, acorde co entorno natural.

Preparando as estacas para o valado

Preparando as estacas para o valado

Un dos obxectivos destas labores de acondicionamento, e asumida como norma de actuación do proxecto, foi o de facer comprensible ao visitante o aspecto orixinal da necrópole. Nesta liña procuramos, despois de escavadas, recupera-lo aspecto inicial das tumbas, recolocando as laxas orixinais. O reenchido fíxose colocando unha fibra xeotéxtil que cubrira o fondo e os laterais das sepulturas, botando sobre ela pedras de pequeno tamaño e grava, cubrindo logo todo con terra que servira tamén como asento as laxas, colocadas no seu lugar e disposición orixinal. A tumba que conservaba o túmulo de terra sobre as laxas tamén foi recuperada, fabricando, de xeito tradicional, un preparado prensado a base de terra, area e auga, logo secado ao sol.

Preparando a grava para reencher fendas e tumbas

Preparando a grava para reencher fendas e tumbas

Os problemas de intendencia derivados da inaccesibilidade do xacemento, impedindo a saída da terra procedente da escavación, e a traída de grava para o reenchido das fendas e tumbas, supliuse con certo enxeño tradicional. A terra esparexeuse, igual que se fixera no ano 2010, ao longo do camiño de San Salvador, aproveitándoa para regulariza-lo seu firme, en bastante mal estado; a posterior crecida de vexetación sobre o mesmo, como se comprobou o ano pasado, integrará completamente os novos aportes de terra, hoxe moi visibles, co resto do camiño e contorno. A imposibilidade de levar grava ao xacemento, sen asumir un grande esforzo físico e de tempo, tivo unha doada solución: fabrica-la nós mesmos. Deste xeito escolléronse, entre os numerosos cachotes graníticos ciscados polo contorno, aqueles máis fráxiles, picáronse a man cunha maza e deitáronse alá onde fose preciso. A auga foi levada en garrafas, aproveitando diariamente a sobrante da que levaba cada un dos membros do equipo para beber. Afortunadamente, en caso de emerxencia, contabamos coa presenza de varios mananciais próximos, inda que o caudal é moi escaso debido a escaseza de choivas deste ano.

A falla de actuación museísticas máis completas, coidamos que é labor dos arqueólogos acondicionar, inda que sexa modestamente, o xacemento e o seu contorno. Asumimos como propia a responsabilidade de protexe-lo xacemento da indebidos usos, axudando á súa conservación, facilitando ao mesmo tempo a visitabilidade do sitio e a seguridade dos visitantes. Para isto aproveitamos, neste caso, os recursos que o medio inmediato nos proporciona, suplindo así os problemas de intendencia derivados do propio emprazamento do xacemento.

Anuncios

2 Respuestas a “O TRABALLO NON REMATA

  1. I feel that is one of the such a lot important info for me. And i’m glad studying your article. But want to commentary on some normal things, The website style is great, the articles is in reality great : D. Good job, cheers.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s