A PROSPECCIÓN: VISIÓNS DUN CONTORNO EXCEPCIONAL

A intervención arqueolóxica en San Vitor non se centrou só no propio xacemento, senón que se ampliou ao estudo da súa paisaxe. Para isto, ademais dun profundo estudo da documentación medieval e moderna conservada nos arquivos provinciais,  fíxose unha exhaustiva exploración do contorno. A prospección ofreceunos datos mais que interesantes á hora de comprender a realidade San Vitor.

Contorno de San Vitor e do Mao dende Penalba (Cristosende)

Chegando a San Vitor dende San Salvador

Quixemos revisar de novo os lugares de San Miguel e San Salvador, localizados xa no ano 2010, na ladeira W do Mao. O primeiro mesmo baixo San Lourenzo e o segundo río arriba, non lonxe de San Vitor. No primeiro deles non puidemos obter máis información da xa recollida, que non son máis que referencias orais a unhas tumbas “como as do San Vitor” nun lugar no que din había unha antiga aldea e unha capela, dos que hoxe inda se ven as ruínas. No segundo, en cambio, non tiñamos referencia oral algunha, pero na exploración atopamos cerámicas medievais en superficie que relacionan o sitio cronoloxicamente con San Vitor.

O estudo documental, que tamén cita a San Miguel, foi crucial á hora de certifica-la presenza dun xacemento, ata agora descoñecido, en San Salvador. En ambos lugares se abren grandes expectativas para o futuro.

Chegando á Pena do Castelo

A exploración na ladeira W do Mao levounos de novo ao Canal Vello. En relación a este ven moi ao caso recorda-la primeira visita que no ano 2010 fixemos con Finamor de San Lourenzo á Pedra da Espada, onde aparecera a comezos do século XX a Espada de Forcas, da que xa temos falado. Este importante achado da Idade do Bronce espertou grande curiosidade noutros investigadores, expertos na materia, ata o punto de se implicar no proxecto; falamos, como non, de Beatriz Comendador e da súa achega no ano 2011. Xuntáronse así esforzos na comprensión da evolución dun contorno moi concreto ao longo do tempo. Este feito serve de exemplo, tamén, de como unha boa colaboración entre o mundo profesional e académico, da man de Eduardo Nieto (Breogán Arqueoloxía) e Bea Comendador (Profesora Contratada Doutora da Universidade de Vigo), neste caso, sempre ten os seus froitos.

A contemplación diaria da ladeira contraria do Mao dende a escavación, invitounos a estender a exploración a aquela. Do lado de Cristosende visitamos a Pena do Castelo, inventariada como xacemento medieval, inda que o estado actual da vexetación impediunos detectar calquera clase de vestixio arqueolóxico. Visitamos tamén unha vella aldea abandonada, Pipás, e o lugar onde din había unha capela e estaba o antigo cemiterio: Penalba, moi próximo a Cristosende, nun emprazamento moi destacado e suxerente, dominando con amplitude a desembocadura do Mao, o seu val e o curso do Sil.
O Castelo, O Gurugú e A Telleira, nos arredores da igrexa de Chandrexa

Río abaixo localizamos novos xacementos no entorno da igrexa de Chandrexa, tanto medievais como romanos (O Castelo, O Gurugú e A Telleira), e recuperamos historias e relatos sobre as barcas e os portos existentes para cruza-lo Sil e que facían do val do Mao unha ruta importante de penetración cara a ribeira e de comunicación entre a Terra de Lemos e Caldelas.

Todo o anterior conforma un quebracabezas espacial e temporal que tratamos de resolver para comprender a evolución histórica desta singular paisaxe.

Deja un comentario