O OUTRO EQUIPO, IMPAGABLE

 

Deixamos para o final a oportunidade de mencionar a uns colaboradores de excepción no noso traballo. Trátase de todos aqueles veciños da zona que nos obsequiaron, de xeito altruísta, cos seus recordos e coñecemento de moitos lugares, contos e costumes.

Un dos premios deste traballo foi ir vendo como a xente de Parada, dun ano para outro, se foi implicando connosco. A curiosidade que os nosos traballos espertaron neles reverteu en nós en boas mostras de afecto e nun fluír de información impagable. Realmente vimos, entre eles, o verdadeiro valor da palabra Patrimonio: valorar o que o teu pobo garda como propio e mostra-lo orgulloso a todo aquel que por alí pasa, sentirse parte integrante del e coidalo para transmitilo, coma un tesouro, aos que veñan atrás.

Ovidio e Amalia de Purdeus, mediando un bo queixo e mellores chourizos.

Nós non somos máis ca investigadores e profesionais que, por encargo do concello, por amor á nosa profesión e por curiosidade científica, afondamos no coñecemento deste excepcional lugar. O cariño e orgullo que hoxe mostran por San Vitor os seus veciños é o mellor premio e o mellor garante para a súa conservación no futuro.

 

Xa falamos no seu día de Finamor de San Lourenzo, de Caio, Lidia e de Maruja de Forcas; é hora de citar tamén a Ovidio e Amalia de Purdeus, a Rosa do Calvario, a Alberto Fraga e Emilio Araújo, de Sacardebois, a Ramón “O Regalado”, hoxe afincado en Cristosende, do outro lado do río e, cun especial recordo, á desaparecida Margarita de San Lourenzo, que non chegamos a coñecer, pero que foi o fío transmisor de multitude de historias. Mantivemos conversas con moitos outros veciños, desculpade que non vos citemos a todos. Aproveitamos tamén para mostra-lo noso agradecemento ás boas acollidas, bo trato e bo xantar, á xente do restaurante O Curtiñeiro, en Parada. Non pareza isto unha despedida, voltaremos.

Ramón "O Regalado" e a súa dona na súa casa de Cristosende.

 

Una respuesta a “O OUTRO EQUIPO, IMPAGABLE

Deja un comentario