EPÍLOGO 2011

 

Panorámica da ribeira do Mao dende o sur, co San Vitor dominante

Quixeramos, neste punto, e como colofón a moitos meses de traballo, recapitular aqueles aspectos máis importantes dos traballos levados a cabo ata o momento.

Descubrimos que San Vitor é unha necrópole de grandes dimensións, tendo contabilizadas ata 35 sepulturas escavadas na rocha, a maIoría ben definidas e outras tan só indicadas, ben erosionadas ou nunca rematadas. Os traballos de prospección deste ano leváronnos a visitar outros xacementos parellos, vendo nalgún deles, con claridade, como algunhas das tumbas foron abandonadas en pleno proceso de excavación (concretamente visitamos as tumbas do Preguntoiro, en Pombeiro, aló nos Peares). O porqué deste brusco abandono é unha incógnita máis.

Tumbas antropomórficas do Preguntoiro (Pombeiro, Ferreira, Lugo)

Dentro da organización interna da necrópole, temos que falar de dous sectores ben diferenciados, ou tres se temos en conta a capela e as tumbas presentes na rocha. Por un lado o sector N-inferior, onde se aprecia unha regularización clara do afloramento para a distribución ordenada das tumbas, o cal non impediu que posterioremente se aproveitaran certos ócos para escavar algunha máis, creando a xa coñecida superposición de sepulturas. Toda elas parecen procurar unha orientación cara a rocha da capela, máis ca unha orientación canónica E-W. No mesmo afloramento, ao S e máis elevado por non ter sido sometido a unha regularización previa, distinguimos o sector S-superior. Neste sector as tumbas alíñanse en bandas, tendo unha principal e máis clara, que se dispón en forma de abano ao redor do afloramento máis destacado da rocha, ao W e contra a ladeira do monte. Nas outras bandas distribúense outras sepulturas moito peor conservadas, incluso incompletas.

Sabemos algo dos diferentes sistemas de cubrición das sepulturas grazas ás seis que, no sector N-inferior apareceron tapadas, con laxas de mediano tamaño, ademáis de pola tampa monolítica coñecida xa dende o ano pasado aproveitada no camiño de acceso. Unha desas sepulturas, ademais, apareceu coas laxas cubertas por unha especie de túmulo de terra, quedando completamente selada. A disposición desordenada dalgunha das tampas, en comparación con outras de mellor encaixe, invita a pensar en dous momentos diferentes para a colocación destas, ou o que é o mesmo: que foron abertas para logo ser pechadas de novo. Isto implicaría dous enterramentos en momentos diferentes na mesma sepultura, ou sexa: o reaproveitamento das tumbas. A ausencia de tumbas infantís podería terse visto suplida por esta práctica, parece que habitual.

Vista da necrópole dende a pena da capela

Vista do San Vitor dende a ladeira W

 

 

 

 

 

 

 

 

Xa tiñamos falado, polo material moble recuperado, das claras sospeitas da presenza dun asentamento medieval no entorno inmediato, posiblemente ladeira arriba. Este material tería baixado en arrastre coa apertura, a comezos do século XX, do camiño que ascende directamente dende a necrópole ao camino de Forcas, creado para baixar a maquinaria e os tubos das canalizacións da Fábrica da Luz, da que xa temos falado. A dificultade de localizar restos de construcións cando estas terían sido de meteriais perecedoiros ven a ser, neste punto, un problema de difícil solución ata novas intervencións. A presenza da xa descrita estrutura pseudo-rupestre cortada polo camiño a San Salvador tamén se podería relacionar co suposto asentamento.

O conxunto de San Vitor quedaría formado, xaquelogo, por unha necrópole de dimensións importantes organizada ao redor dunha capela e cun asentamento habitacional próximo. Non debemos esquecer que a propia paisaxe fai parte importante na comprensión do sitio. A ladeira está intensamente cultivada, e por ela discorren varios camiños, entre eles a ruta principal de comunicación da serra coa ribeira, ambas moi próximas e de riqueza agro-gandeira e piscícola moi importante.

Seguimos tratando de averiguar se a capela e a necrópole son contemporáneas ou unha foi antes ca outra, o que nos levaría a diferentes procesos históricos. Tamén non debemos esquece-los restos romanos localizados, e incluso da Idade do Bronce, que nos ofrecen unha visión evolutiva do intenso poboamento das riberias do Mao e do Sil.

Graciñas a todos (Eduardo-B.)

Sectores N-inferior (esquerda) e S-superior (dereita)O San Vitor na ladeira W do Mao

Anuncios