QUE PASOU EN 2012

Temos unha débeda con todos vos pola publicación dos resultados da intervención do ano 2012. Débeda que saldaremos agora mesmo.

A intervención de 2012 comezou con grande ilusión o día 5 de setembro de 2012, prolongándose ata o día 3 de outubro.

Os obxectivos marcados para os traballos foran o de seguir afondando no coñecemento das características, natureza e extensión da necrópole, e procurar localizar o suposto asentamento do que tería procedido por arrastre todo o material cerámico esparexido sobre a necrópole e, polo tanto, cunha ubicación hipotética ladeira arriba. Tamén se levou a cabo unha limpeza intensiva nos Padrós e un desbroce e sondaxes no San Salvador, sitios dos que xa temos falado e falaremos, procurando comprobar vellas historias que falan da existencia de máis tumbas no primeiro e contrastar referencias documentais que fala da presenza dunha vella capela no segundo.

Explicaremos en primeiro lugar que foi o que nos atopamos na ampliación da área escavada da necrópole, deixando para outra entrada os outros temas.

Esta ampliación procurou a inclusión da sondaxe S6 do ano 2010, incorporando á área visible da necrópole aquela tumba con osario tan característica. Ademáis tamén se amplicou cara o S ata o valado que delimita a parcela, cara o E ata o camiño de San Salvador e a explanada dos xacemento e cara o N ata o camiño de baixada pola aba superior.

foto 1

Precisamente sobre este camiño de baixada, que no vello artigo de Arias Sanjurjo chama da Fábrica da Luz, apareceu a primeira sorpresa. Realizando unha simple limpeza de broza para facilitala baixada de camiñantes, apareceron vestixios dunha sepultura, practicamente destruída pola apertura do propio camiño, acción da que procederon os grandes cachotes caídos sobre o sector N da necrópole e, seguramente, ao igual que estes todo o material cerámico atopado sobre a mesma. Conserva esta sepultura só unha parte do corpo, co fondo repicado e un anaco da cabeza. As medidas e orientación da mesma non deixan lugar a dúbidas de que estamos ante o que foi unha sepultura antropomórfica rupestre. Temos entón a primeira sepultura illada en relación a organización da necrópole, inda que non sería a única, como veremos.

_MG_8804

O feito de que estea mesmo baixo o camiño da Fábrica evócanos ao artigo de Arias Sanjurjo de 1914, “Una excursión a la Ribera Sagrada” (BCMO, t.V, nº98, p.50), no que se di que “algunas [sepulturas] furon destruídas al abrir el camino de la fábrica de Barjacoba, que cruza esa plazoleta”. A aparición da T.XXXVI non fai máis ca corroborar o documentado neste artigo, levándonos a sospeitar da presenza doutor sector de enterramentos nesta área.

foto 2

Na ampliación cara o N, contra os camiños de acceso, decubriuse baixo a terra vexetal unha sucesión de niveis de terra pisada que amortizaban algunha sepultura e cuxos recheos nivelaban a irregularidade e a pendente que vai tomando o afloramento.

Entre o material recuperado nestes niveis e nos recheos máis inferiores, que supomos chegan ata o muro de contención de terras que crea o bancal da propia explanada, atopamos fragmentos de cerámica moderna, polo que pensamos que a organización en pataos destas terras é moito máis recente.

O último nivel, porén, era diferente ao resto, ao tratarse dunha camada de terra negra apelmazada directamente contra a rocha. Este nivel agochaba unha serie de rebaixes que regularizan o afloramento de xeito horizontal e en clara relación cos enterramentos, ausentes máis aló dos descubertos en 2011. Trátase de dous rebaixes que crean unha especie de chanzos de 70cm de anchura, e que xogan cun burato de poste de 50cm de diámetro, indicando a posible presencia dunha construción.

IMG_0135

Cómpre recordar neste punto a existencia doutros rebaixes no sector SE da necrópole, xa loalizados en 2011, que identificamos cunha suposta estrutura pseudo-rupestre, cuxas marcas seguiron aparecendo máis ao S nesta intervención, combinadas tamén con varios apoios de poste.

IMG_9767

Segundo descende o afloramento cara o camiño de San Salvador esta superficie regularizada desaparece, conservándose só parcialmente. A erosión natural parece ter sido a causa principal deste feito, inda que a aparición dunha cuña de canteiro chantada nunha das fendas mesmo baixo a estrutura indicada parece indicar unha acción antrópica na desaparición da mesma.

IMG_9751

Esta estrutura pseudo-rupestre viña a ocupar un espazo libre de sepulturas, o que invitaba a pensar nunha antiga construción ao redor da cal se escavaron os sartegos. Sen embargo, a localización doutra tumba, de novo illada, entre as fendas do afloramento, mesmo no espazo onde se suporía a continuación desa estrutura, invita a pensar dúas cousas: 1.- que o repicado da rocha neste sector non foi tanto, nin tal vez tan recente, como podería indicar os cortes na estrutura pseudo-rupestre e no camiño de San Salvador, xa que a tumba se conserva no fondo dunha das fendas naturais da mesma; e 2.- que a estrutura pseudo-rupestre puidera estar abandonada canda a expansión da necrópole cara este sector, inda que como vemos de xeito illado.

IMG_9759

A ampliación cara o sector NE tivo o marcado obxectivo de incorporar a sondaxe S6, escavada no ano 2010. Este feito cobra especial interese pola presenza da T.XVIII, que presenta un rebaixe cuadrangular aos pés do sartego, identificado coma un osario. Este elemento, único neste tipo de xacementos, permanecía agochado dende o seu descubrimento.

IMG_8936

Descubríronse neste sector catro novas sepulturas, algo arredadas do resto do sector N, formando case un agrupamento independente que se estende pola explanada do xacemento, creando a cuarta e quinta aliñación de sartegos. Esta última descubriuse só parcialmente, continuando baixo a testemuña E e prolongando a extensión da necrópole pola explanada do xacemento, tendo quedado a salvo da apertura do camiño de San Salvador, que as cortou só de maneira superficial.

IMG_9415

Na ampliación S diferenciáronse ata catro plataformas diferentes entre o camiño da Fábrica e o de San Salvador, que son os que delimitan a necrópole polo W e polo E respectivamente, xunto co valado S e o camiño de San Lourenzo ao N.

A primeira plataforma, contando dende o camiño de San Salvador cara arriba, coincide co sector SE, onde continúan os rebaixes daquela estrutura pseudo-rupestre xa indicada.

A segunda plataforma coincide coa prolongación do aliñamento central do sector S da necrópole, por onde se localizaron cinco novas sepulturas, organizadas en dúas aliñacións.

IMG_9650

Na rocha que marca o desnivel coa plataforma 3, continúan uns rebaixes localizados en 2011. Descoñecemos a funcionalidade destes, e incluso se son contemporáneos, anteriores ou posteriores aos propios enterramentos. O que está claro e que deberon servir para apoio dalgunha estrutura, o que nos volve recordar os rebaixes do sector N e SE.

Nas plataformas 3 e 4 xa non se detectaron vestixios relacionados coa necrópole, tan só marcas de picado e recheos de regularización do abrupto terreo para o seu aproveitamento agrícola.

A ampliación da área visitable da necrópole veu a confirmar a extensión da mesma cara o S, como se sospeitaba, e sabemos agora tamén que segue cara o E, pola explanada do xacemento.

Unha das novidades radica na localización de dúas sepulturas illadas e arredadas do núcleo central da área de enterramentos, unha cara o NW outra cara o SE, o que ofrece novas perspectivas de análise da organización interna da necrópole.

Nesta campaña de 2012 localizáronse 12 novas sepulturas, que sumadas as 35 coñecidas fai un total de 47. Divídense estas en catro sectores principais: 4 no alto da rocha e a capela, 24 no sector S, 17 no sector N, 1 no sector NW e 1 no sector SE.

Resumido o que sucedeu nesta fase queda por saber que posou co resto.

Seguide atentos.

_MG_0122

E.B.N.M.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s