Documentación

ACO, Fondos Monacais, Sta. Mª de Montederramo, carpeta 17, documento 5386

Un dos elementos diferenciadores que procuramos para o proxecto arqueolóxico de San Vitor de Barxacova pasaba por ter en conta non só os elementos materiais que a escavación proporcionase, senón tamén a procura de tradicións orais vinculadas a este entorno, así como un proceso de procura, lectura e baleirado documental.

Así, inicialmente realizouse un traballo baseado de maneira fundamental nas fontes xa publicadas como punto de partida para o estudo do entorno máis inmediato ao San Vítor, fundamentado no estudo documental do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e a lectura da documentación correspondente á Encomenda de Quiroga, da orde de San Xoan de Xerusalén[1].

Este punto de partida, en paralelo ao inicio dos traballos arqueolóxicos, definiu un espazo no que, en canto á súa configuración territorial e presenza de señoríos, ofrecía algunhas dúbidas. Dúbidas ocasionadas por referencias expresas (pleitos coa Encomenda de Quiroga) ou pouco xustificables ausencias documentais na administración do couto do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil[2]; e que, en todos os casos, apuntaban cara a un mesmo protagonista, o mosteiro veciño de Santa María de Montederramo.

Xa que logo, a colección documental deste cenobio, inédita a día de hoxe, foi obxecto prioritario do traballo documental realizado nos anos 2011 e 2012, consistente nunha labor de procura, transcrición e baleirado documental.

No primeiro destes dous anos optamos por centrar a pesquisa na súa colección diplomática medieval, depositada na súa maior parte no Arquivo da Catedral de Ourense, no cal vén ocupar unha serie de 17 carpetas dentro do seu fondo de Pergameos Monacais. Como é obvio, só foron tidos en conta para este proceso aqueles documentos correspondentes ao espazo que nos ocupaba, e que derivou nunha suma total de 101 documentos. Esta serie de textos, como puidemos comprobar, referíase ao que se denominaba o “Couto de Chandrexa”, as terras pertencentes ás freguesías de Pradomao, Forcas, Sacardebois e, parcialmente, a epónima de Santa María de Chandrexa, e sobre as que o mosteiro de Montederramo exercía a súa xurisdición (malia a, nominalmente, encaixar no couto de Santa Cristina de Ribas de Sil) e xestión económica.

O importante aporte documental e a información para o artellamento do territorio que estes escritos nos achegaron están na base de ter continuado as pesquisas, xa no ano 2012, nesta documentación do mosteiro de Santa María de Montederramo. Unha vez esgotada a correspondente ao período medieval do cenobio cisterciense, consideramos relevante analizar a súa documentación de época moderna, sempre coa intención de encontrar aquelas pervivencias na xestión ou nas referencias toponímicas que nos permitisen un achegamento ao San Vítor complementario á súa realidade arqueolóxica.

A diferencia do caso anterior, é o Arquivo Histórico Provincial de Ourense o que conserva a meirande colección documental para o período moderno do mosteiro de Santa María de Montederramo. De novo foron tidos en conta unicamente aqueles libros ou caixas que puidesen achegar información do dominio que nos ocupa, obviando aquelas referencias que centraban o seu contido noutros ámbitos xeográficos.

Á hora de valorar os resultados, cómpre falar de varias referencias a libros que nos proporcionaron valiosa información á hora de comprender as grandes liñas da xestión territorial e económica nestes séculos da Idade Moderna. En concreto, trátase de tres libros, dos cales dous son cartularios documentais (libros 404 e 409, respectivamente identificados como Tumbo Vello e Tumbo Novo) con abondosa información –fundamentalmente de carácter foral, de arrendo da terra- sobre as propiedades do mosteiro de Montederramo neste contexto xeográfico.

O terceiro dos libros (en concreto, o Libro 416. Foral 6º) pode ser destacado pola novidade que ofrece en canto ao seu contido. En efecto, outro dos obxectivos marcados para esta ampliación do traballo documental era o de tentar achegar información sobre certos espazos para os que non contabamos con ningunha mención medieval pero si evidencias doutro tipo (vg, dentro da toponimia), caso do enclave veciño do San Salvador. Así, á altura de 1570, encontramos dúas cartas forais que veñen representar as únicas mencións a este punto, no que se ergueu unha ermida con tal advocación e que, nese momento, se encontraba en pé pero carente de culto. Tal descrición, a máis da súa correlación co San Cibrao (en parellas circunstancias) como delimitador do espazo aforado, vén falar dun novo contexto histórico e abre unha nova e interesante vía para o estudo da evolución do enclave da necrópole e o seu entorno inmediato na transición entre as idades Media e Moderna.

Finalmente, como complemento a este estudo da documentación moderna do mosteiro de Santa María de Montederramo, decidimos igualmente acometer un estudo máis en profundidade da información que puidese achegar unha fonte fundamental para o coñecemento da articulación social e económica dos anos centrais do século XVIII: o Catastro do Marqués de Ensenada.

Consideramos que este texto, pola súa pormenorizada recollida da toponimia de cada un dos territorios, podía resultar de especial axuda por dúas razóns. A primeira, analizar na medida do posible a configuración deste espazo nun momento xa avanzado no tempo e para o que non dispuñamos, arqueoloxicamente, de evidencias materiais; a segunda, tentar localizar algunha mención directa ao conxunto do San Vítor con esta mesma denominación, que en ningún caso aparecera dentro dos textos medievais.

Así, se ben se leron os distintos libros correspondentes aos coutos do entorno xeográfico máis próximo (así o Interrogatorio como os máis pormenorizados libros de leigos), foi só nun caso concreto en que se fixo mención ao San Vítor. Así, no Libro de Leigos de Sacardebois (en concreto, co número 641), e facendo alusión aos “Lugares de Bouzas e Margarida”), fálase textualmente da existencia dun “monte en San Víctor” que, ao mediodía, limita coa “capela de San Victorio”.


[1] Á marxe dos diversos estudos históricos consultados, as referencias bibliográficas para ambas as obras de contido documental son nomeadamente as seguintes:

GARCÍA TATO, I. (2004): Las encomiendas gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén: estudio y edición documental; e

RODRÍGUEZ MUÑIZ, V. (2011): O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil na Idade Media. Anexo 32 ao Boletín Auriense.

[2] RODRÍGUEZ MUÑIZ (2011): vid. nota anterior.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s