Proxecto

SAN VITOR 2013

Para este ano 2013 preparáronse dúas intervencións: unha encamiñada á restauración e conservación do afloramento granítico que alberga os sartegos, en avanzado estado de deterioro pola propia calidade da rocha e en grave perigo de empeorar dende o ano 2010 en que foi exposto á intempérie. Esta primeira intervención, dirixida polo restaurador Gonzalo Buceta Bruneti e o arqueólogo Fernando Carrera Ramírez, director da Escola Superior de Restauración de Pontevedra, e en colaboración con esta última mediante a realización de prácticas de varios aluno, foi integramente financiada polo Concello de Parada de Sil.

A segunda intervención retomará os traballos de investigación arqueolóxica no propio San Vitor e no seu entorno, coa escavación de diversas catas ao redor da área escavada, de novo baixo a dirección de Eduardo-Breogán Nieto Muñiz. O obxectivo será o de definir a extensión completa da área de enterramentos, obter unha sección estratigráfica completa do xacemento, continuar coa procura do suposto asentamento e tentar definir a cronoloxía das terrazas ou “pataos” que permiten e organizan a explotación agrícola nesta paraxe.

Ademáis desto levarase a cabo unha exploración da ladeira desta ribeira W do Mao máis ao S do San Salvador, no lugar de Pena Longa, onde unha suxerente nova, de boca dun veciño de San Lourenzo, fala de antigas construcións, altares e tumbas.

Esta segunda fase dos traballos foi financiada mediante un convenio asinado entre o Concello de Parada de Sil e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

 

SAN VITOR 2012

Este ano 2012 o Concello de Parada de Sil continua coa investigación, posta en valor e difusión do enclave de San Vitor tralos bos resultados obtidos nas campañas precedentes; a do 2010 financiada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia; e a do 2011 financiada coa concesión de fondos LEADER e o apoio da Universidade de Vigo, a través da convocatoria de Grupos de Investigación da Vicerreitoría do Campus de Ourense (INOU11A-03) (Diputación de Ourense/INORDE), así como a firma dun convenio marco de colaboración, que deu orixe a este blog.

A continuidade da colaboración da Universidade de Vigo se establece este ano a través deste convenio marco, así como pola firma dun novo convenio, esta vez de cooperación educativa, para o desenvolvemento de prácticas para os estudantes da Facultade de Historia de Ourense nos traballos e tareas de difusión.

Esta nova campaña, financiada polo Concello de Parada de Sil, incluirá unha nova ampliación da área descuberta da necrópole, a través de novas escavacións arqueolóxicas, co obxectivo de incorporar ao sector xa visible da rocha que alberga as tumbas, a sondaxe central da explanada realizada no 2010, na que se descubrira a tumba con osario anexo aos pés “tipo San Vitor”. Tentarase aclarar, ao mesmo tempo, a presenza dunha curiosa estrutura pseudo-rupestre  cortada polo camiño ao SE da necrópole, procurando unha relación estratigráfica cos outros restos que ata agora se nos oculta. Unha estrutura correspondente a unha vella construción, tal vez contemporánea á necrópole, tal vez anterior… se temos en conta o material cerámico de aspecto tardo-antigo atopado sobre o sector da necrópole.

Sondaxes S6 de 2010, coa tumba con osario “tipo San Vitor”, que será incorporada á área visible da necrópole.

Tendo a certeza da existencia dun poboado próximo, sería moi interesante poder localizalo mediante a realización de diversas catas ladeira arriba. O descoñecemento deste tipo de asentamentos é un obstáculo moi importante na bibliografía sobre o tema, polo que se priorizará esta labor para tratar de aportar algo de luz á investigación.

Plantearase tamén o estudio dun novo enclave descuberto en 2010, o San Salvador, prospectado intensamente de novo en 2011, situado ao S de San Vitor, non moi lonxe, na mesma ladeira. Neste enclave localizouse unha curiosa estrutura pétrea e diverso material cerámico en superficie, de idénticas características cao de San Vitor, situándose no mesmo abano cronolóxico. Coñecer este novo sitio abriría a visión para a comprensión de San Vitor e de toda ribeira do Mao e, por extensión, deste escuro período da Alta e Plena Idade Media galega.

Estrutura pétrea localizada no San Salvador, que será obxecto dunha pequena intervención.

O estudo documental centrarase nesta campaña na localización e interpretación de fondos arquivísticos referentes a San Salvador, sen deixar de lado calquera outro lugar próximo quen aporte unha peza máis a este quebracabezas infinito, coa esperanza de que a inmersión nos documentos antigos sexa tan frutífera como o foi ata agora.

A existencia dun convenio marco de colaboración entre a Universidade e o Concello de Parada de Sil, permite a continuidade deste blog, ademáis doutras iniciativas entre ambas institucións que se irán difundindo por este medio. O éxito do blog quedou acreditado a través das numerosísimas visitas recibidas dende a súa creación, servindo de plataforma para dar a coñecer “en directo” os nosos avances e permitíndonos coñecer outros traballos doutros lugares, investigadores e profesionais, compartindo experiencias e resultados con eles, facendo deste proxecto algo moito máis dinámico e enriquecedor en tódolos sentidos.

Os resultados e novidades serán plasmados nos formatos e plataformas dixitais creados nos anos precedentes, actualizando a información e dándolle a maior difusión posible.

No propio entorno de San Vitor proporase a ampliación e/ou redeseño da ruta existente, que discorrerá polos novos enclaves investigados estes anos, enlazándoos entre si e sumándose á riqueza natural e paisaxística que de por si xa ten as ribeiras do Río Vello (como aquí chaman ao Mao).

PROXECTO SAN VITOR, os inicios

O obxectivo deste proxecto é o estudo e difusión do enclave arqueolóxico de San Vítor, xacemento situado no concello de Parada de Sil, que conserva unha das necrópoles máis importantes do noroeste peninsular para o período alto e pleno medieval, con abondantes tumbas antropomorfas escavadas na rocha.

Despois dunha primeira campaña de escavacións levada a cabo no ano 2010 na que se atoparon restos tardorromanos, medievais e tamén modernos que deixan entrever a súa importancia para o estudo da organización territorial, social e relixiosa do mundo alto e pleno-medieval, as actuacións descritas neste proxecto pretenden establecer con precisión as orixes e distintas etapas cronolóxicas do enclave, a súa extensión e a existencia de lugares de habitación ou outros sitios arqueolóxicos asociados a el.

No ano 2011 leovuse a cabo o proxecto O enclave medieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil, Ourense) no contexto da paisaxe do canón do río Mao na área da Ribeira Sacra [2011-INOUA-03].

Para conseguilo leváronse a cabo unha intervención arqueolóxica mediante a realización de catas puntuais no enclave arqueolóxico e na súa contorna, unha prospección intensiva do territorio circundante e o baleirado da documentación medieval directamente relacionada co xacemento.

A necesidade de utilizar e integrar no estudo fontes materiais, escritas e orais, fixo que este proxecto fora concibido como un traballo interdisciplinar entre profesionais da Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Medieval e Paleografía, continuando unha liña de colaboración entre as áreas de Prehistoria, Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas iniciada no ano 2009 co subproxecto “Intervención arqueolóxica da serra da Urdiñeira (Riós-A Gudiña)” integrado no proxecto “Organización Territorial da Provincia de Ourense na Idade Media ss. XII-XV” [2009-INOU-4].”

Dende o punto de vista patrimonial, o proxecto se inserta no marco da liña de investigación desenvolvida dende a Area de Prehistoria por Beatriz Comendador, Patrimonio, Museoloxía e Arqueoloxía: o pasado como discurso histórico, sobre novas metodoloxías aplicadas á interpretación e comunicación social e difusión do patrimonio arqueolóxico, dentro do Máster Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais e mediante a coordinación e docencia na asignatura Difusión directa: criterios y técnicas para la exhibición y musealización dentro do Máster en tecnologías para la protección del patrimonio cultural inmueble, ambos da Universidade de Vigo

Os obxectivos deste proxecto son os seguintes:

1.- Estudo das prácticas relixiosas e dos espazos sacralizados alto e pleno medievais e da súa relación coa ocupación monástica e a organización territorial da Ribeira Sacra.

2.- Establecemento da cronoloxía do enclave de San Vítor e dos distintos elementos construtivos que o conforman

3.- Definición da extensión ocupada pola necrópole na ladeira de San Lourenzo e nos lugares de San Miguel e San Salvador.

4.- Localización e rexistro dos xacementos e lugares de interese relacionados con San Vítor.

5.- Estudo das estratexias de valorización do patrimonio cultural e paisaxístico da zona dentro dun modelo de desenvolvemento sostible.

6.- Millora da visibilidad social da investigación arqueolóxica mediante a difusión e acción social.

Concello de Parada de Sil

Anuncios

Una respuesta a “Proxecto

  1. Pingback: Ribeira Sacra - La Mochila Verde | Tu guía de Turismo Sostenible en España·

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s